Discurso de despedida de José Manuel Pato

A Gran Orden Gastronómica non pode quedar nun grupo de amigos que se reúnen de forma periódica para o que vulgarmente se coñece como unha comellada sen máis. Esta entidade, que debe estar por encima das persoas que nun momento ou outro tiren do carro, naceu cun propósito que vai máis alá dun mero encontro arredor dunha mesa. O obxectivo de ir convertendo os productos gastronómicos da Costa da Morte, os seus hosteleiros, os seus productores e os seus comercializadotes da un labor de longo percorrido. Non se alcanza con que nós, uns cantos ou moitos, nos reunamos de cando en vez arredor duns bos manxares e teñamos unha amena conversa e aquí paz e despois gloria.

Estamos a ver tradicionamente que cada dous por tres aparecen salvadores da Costa da Morte. Cren que con facer unha carreiriña xa está todo conseguido. Non, meus amigos, conseguir a excelencia a dignidade neste Fisterra noso é un camiño de longo percorrido, un camiño cheo de croios polo que é moi difícil avanzar. Por iso fai falta ter folgos e estar en moi boa forma para tirar do carro, por iso é convinte, como fan nos grandes equipos, que o xogador titular que saia ao campo poidar rendir ao 120% por cento como dicía un mundialmente coñecido adestrador de fútbol.

Polo tanto permitídeme que, eu, que podo dicir que fixen todo canto puiden por conseguir que a Gran Orden Gastronómica da Costa da Morte se convertirse unha entidade respectada por todos, unha entidade útil e valedora para engrandecer, divulgar, dar coñecer e contribuir ao desenvolvemento da gastronomía desta bisbarra, me arrede a un lado para que outros collan a testemuña e continúen facendo a carreira contrarreloxio.
 
Teño que dicir que agradezo o apoio de todos os presentes, de todos cantos colaboraron, dos hostaleiros, dos alcaldes e todas as autoridades dun e doutro signo que arrimaron o ombreiro a este noso propósito. Teño que dicir que esta foi e debe seguir sendo a casa de todos aqueles que velan e se preocupan polo futuro da nosa bisbarra. E non deben ser palabras ocas ou un brindis animado por unha consumición etílica. Aquí viñeron persoas de todalas ideoloxías e de todas as cores. E así debe seguir sendo. Pode haber moitas cousas que nos diferencien, pero hai que traballar por unha que nos debe unir: A Costa da Morte, a súa gastronomía e o un futuro digno para todos cantos aquí habitamos e traballamos. Só iso. E xa é moito, é unha tarefa gratificante, pero dura ao mesmo tempo. Nada máis, moita sorte a quen vai me vai sustituir, unha aperta a todos e feliz Nadal.